Thursday 02 de May de 2024

A Xunta investe 91.000 euros para construir a cuberta e almacén para o apoio da instalación do Punto Limpio do polígono industrial de Vimianzo


O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo , visitaron o parque empresarial no que se realizan os traballos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o parque empresarial de Vimianzo para comprobar o resultado da obra de cuberta e almacén do punto limpo no polígono empresarial que está a piques de rematar. A intervención foi posible grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria que asumiu o pago dunha axuda de 91.185 euros. Na visita na que tamén estivo presente o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, Ovidio Rodeiro comprobou o investimento que permitiu mellorar o Punto Limpo.

O delegado territorial da Xunta sinalou que “a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

Esta actuación forma parte da orde a través da cal a Xunta investirá 452.000 euros para mellorar os parques empresariais das comarcas de Carballo-Costa da Morte en cinco concellos da área (Cerceda, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas). A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investiranse 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos, dos que un. A Laracha, era concello emprendedor cando se resolveron as axudas.

Os investimentos que se realizarán son a mellora da sinalización e a instalación do sistema de videovixilancia no polígono industrial do Acevedo en Cerceda, a mellora das infraestruturas viarias no parque empresarial da Laracha, a renovación de pluviais no polígono industrial de Ponteceso, a cuberta e almacén para apoio da instalación do Punto Limpo de Vimianzo e a mellora da xestión de residuos no polígono industrial do Allo.

Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvolveranse en 62 concellos galegos –dos que 20 eran concellos emprendedores cando se concederon os apoios, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cun investimento de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns.

Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Con estas novas axudas, nas que este ano os concellos emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.